h1

O pasado 15 de marzo realizouse o simulacro dun accidente de múltiples vítimas no aeroporto de Santiago, no que ademais do persoal sanitario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, participaron voluntarios da Cruz Vermella e persoal sanitario de Atención Primaria da Área Sanitaria de Santiago.

No suposto incidente, unha aeronave sufriu un accidente na manobra de despegue, caendo a 250 metros da cabeceira da pista do aeroporto. Este sinistro provocou a activación do nivel 2 do Platerga (Plan territorial de emerxencias de Galicia) e a alerta telefónica á Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, desde o 112, seguindo os procedementos de coordinación establecidos. No sinistro, contabilizáronse 45 vítimas que tras a triaxe clasificáronse como: nove pacientes vermellos, tres amarelos, catorce verdes e dezanove falecidos.

Dende a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizáronse unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, unha ambulancia asistencial de soporte vital básico, un vehículo de apoio loxístico e dúas ambulancias asistenciais de soporte vital básico de Cruz Vermella, que foron medicalizadas polo persoal sanitario de Atención Primaria.

Coa realización deste simulacro tratouse de comprobar a capacidade de executar acciones coordinadas, confirmar a efectividade do plan de emerxencias do aeroporto e dos planes de organismos alleos implicados, así como detectar posibles puntos de mellora.