h1

A asistencia prehospitalaria aos pacientes críticos foi, durante anos, unha das carencias do sistema sanitario de atención ás urxencias/emerxencias na nosa comunidade. Coa posta en marcha das ambulancias medicalizadas (ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado-AA-SVA) nas principais cidades da comunidade galega no ano 1997 conseguiuse dar cobertura a esta necesidade. A atención por parte de persoal experto e con medios materiais adecuados asegura unha mellora na supervivencia deste tipo de pacientes. Como posibilidade engadida, pero importante, a actividad destas unidades pode supoñer un aumento no número de posibles doadores a corazón parado ao realizar medidas de resucitación cardiopulmonar avanzada (RCP-A) ”in situ” que diminúe o tempo de asistolia e, polo tanto, a isquemia á que están sometidos os órganos susceptibles de ser posteriormente transplantados.

No noso país, só uns poucos hospitais manteñen activo un programa de doazón en asistolia, debido ás dificultades de tipo técnico e organizativo que estes levan consigo. O Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) realiza extraccións de doadores en asistolia desde o ano 1990, obtendo ata 2006 un total de 73 doadores, cun alto índice de aproveitamento, tanto pola porcentaxe de órganos que resultaron válidos para transplante como polos resultados dos mesmos, cunha supervivencia dos inxertos tras un seguimento superior a seis anos, superpoñible aos realizados con doadores en morte cerebral.

No ano 2000 comeza a funcionar un programa de doazón en asistolia, froito da colaboración entre o 061 e a Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) do CHUAC co obxectivo de incrementar o número de órganos válidos para transplante de doadores en asistolia xerados a partir dos pacientes con parada cardiorrespiratoria extrahospitalaria e que sexan atendidos polo 061 de Galicia a través das AA-SVA da área da Coruña.