h1

Os pasados días 23 e 24 de marzo tivo lugar a primeira edición do curso de soporte vital cardiovascular avanzado, deseñado e impartido por profesionais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e destinado ao seu persoal sanitario co obxectivo de continuar a actualización constante baseada nas recomendacións máis recentes.

A actividade formativa realizouse segundo as normas dos cursos establecidas polo Consello Español de RCP e contou con 20 horas a distancia, divididas en seis temas e impartidas en catro semanas. O curso incluíu presentacións, vídeos e bibliografía; ademais de tarefas e autoavaliacións que permitiron seguir a evolución dos alumnos.

A parte presencial contabilizou 14 horas, completamente prácticas, divididas en grupos de seis alumnos cun instrutor. Realizáronse estacións de traballo con manexo avanzado da vía aérea, incorporando diferentes dispositivos, videolaringoscopia e técnicas invasivas en simuladores, vía venosa e intraósea, e diagnóstico e tratamento de arritmias.

Posteriormente, realizáronse prácticas integradas baseadas en diferentes situacións de parada cardiorrespiratoria, paciente crítico e coidados postreanimación. O curso, ao que asistiron de 16 médicos e enfermeiras, finalizou cunha avaliación práctica sobre a aprendizaxe e a aplicación de coñecementos.

En xeral, as impresións sobre esta actividade formativa foron moi positivas e xa se traballa nunha segunda edición para persoal propio e outra destinada a persoal externo á Fundación, interesado en incrementar os seus coñecementos sobre a atención urxente. A finalidade do curso consistiu en estandarizar o manexo da PCR e a aplicación das mesmas indicacións en todos os niveis asistenciais, xa que o traballo coordinado en equipo resulta imprescindible para conseguir uns bos resultados de supervivencia que, á súa vez, conleven unha adecuada calidade de vida para os pacientes.​