h1

O Programa Galego de Atención ao Infarto Agudo de Miocardio (PROGALIAM) pretende mellorar a atención ao infarto agudo de miocardio (IAM) mediante a integración e mellora na coordinación entre a atención extrahospitalaria e hospitalaria, co obxectivo de mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente con IAM, así como promover a equidade. Para elo, trata de acurtar o tempo no que os pacientes con IAM reciben o tratamento óptimo de reperfusión.

Entre os obxectivos do programa incluíanse:

  • Revisar e/ou consensuar os protocolos clínicos sobre IAM nos distintos servizos, hospitais e niveis asistenciais.
  • Elaborar protocolos organizativos necesarios para a integración funcional.
  • Crear unha rede específica para a atención do paciente con síndrome coronaria con elevación de ST (SCACEST).
  • Creación dunha base de datos para facilitar o coñecemento, avaliación e mellora continua do proceso.
Para elo, a FPUSG-061 estableceu os seguintes obxectivos:
  • Diagnóstico rápido do SCACEST.
  • Decidir a estratexia de reperfusión máis adecuada en función do tempo e lugar.
  • Acurtar os tempos de traslado á sala de hemodinámica.
  • Facilitar o retorno ao hospital de referencia.
Polo tanto, os pacientes diagnosticados de SCACEST nas ambulancias medicalizadas (AA-SVA) da FPUSG-061 ou nos hospitais que carecen de servizo de hemodinámica son trasladados inmediatamente, e dun modo seguro, por ambulancias medicalizadas do 061 aos centros de referencia correspondentes: Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, e recentemente Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Así mesmo, o programa garante o retorno do paciente ao seu hospital de referencia, unha vez realizado o procedimiento de anxioplastia primaria, se pertence a unha área sanitaria distinta da da sala de hemodinámica.