h1

O pasado 28 de setembro, persoal médico e enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazouse ata a sede que Inditex ten en Arteixo para realizar unha xornada de adestramento en RCP (reanimación cardiopulmonar básica) para persoal que traballa nas instalacións. Por parte de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participaron 16 instrutores de soporte vital básico procedentes das bases medicalizadas de Monforte de Lemos, Foz, A Coruña, O Salnés, Ourense, Mos, Santiago de Compostela e da Central de Coordinación con sede na Estrada. En canto ao persoal de Inditex, formáronse preto de 130 traballadores que acudiron en catro quendas, dunhas trinta persoas cada unha. A formación foi ofrecida pola empresa a todos aqueles que quixesen participar nela.
 
Trala realización dunha breve charla e a presentación dun vídeo sobre como actuar ante unha PCR, cada instrutor do 061 explicou aos traballadores, que se colocaron por parellas, as manobras básicas de RCP que, despois, practicaron con bonecos de simulación avanzada. Ao final de cada adestramento, premiouse aos que realizasen as manobras de RCP de xeito máis axeitado. A xornada rematou cunha visita guiada polas instalacións para o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.