h1

O 061 é un número de tres cifras ao que pode chamar calquera persoa da nosa comunidade que se atope ante un problema sanitario.

Desde unha única Central de Coordinación situada na Estrada, centralízase a atención a todas as chamadas procedentes de calquera cidadán que se encotre na Comunidade Autónoma Galega.

A Central de Coordinación, constitúe o eixo básico de articulación do sistema de intervención en casos de emerxencia médica. É aquí onde se reciben as chamadas, analízase a información obtida e, se a urxencia requíreo, é de aquí de onde parten as ordes para a mobilización dos recursos móbiles cos que conta na actualidade a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ao mesmo tempo, foise incorporando á oferta da súa carteira de servizos unha serie de actividades relacionadas coa consulta e a asesoría sanitaria, a educación para a saúde e a prevención de enfermidades.

Por iso, no ano 2008 púxose en marcha o número de Atención Sanitaria 902 400 116, co obxectivo de vehiculizar as chamadas con ese contido. Aténdese igualmente desde a Central de Coordinación, converténdoa así nun verdadeiro Call-Center de resposta sanitaria integral.

O equipo humano que desenvolve a súa actividade na CCUSG-061 está integrado por operadores da demanda (teloperadores e locutores), enfermeiros de consulta, formadores e médicos coordinadores. Toda a actividade que se desenvolve nunha quenda está supervisada polo xefe de sala que é o responsable operativo máximo do que ten lugar na Central de Coordinación e das decisións que dela emanan.



Gravación das chamadas: En cumprimento da lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Personales e garantía dos dereitos dixitais, que adapta ao ordenamento español o Regulamento europeo de protección de datos, informámoslle que todas as chamadas realizadas ao teléfono de emerxencias sanitarias da Fundación Publica Urxencias Sanitarias de Galicia-061  son gravadas, tratándose os datos recolleitos en base aos ficheiros rexistrados na Axencia Española de Protección de Datos por parte da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, e empregaranse coas finalidades que estes teñen definidos e axustándose aos requirimentos de seguridade recollidos na citada lei e no Real Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración Electrónica.  Pode exercitar os seus dereitos de acceso/ rectificación/ cancelación e oposición en calquera punto da rede sanitaria da Consellería de Sanidade.