h1

O 061 é un número de tres cifras ao que pode chamar calquera persoa que se atope ante un problema sanitario en Galicia.

Todas as chamadas de demanda sanitaria están centralizadas nunha única Central de Coordinación, situada na Estrada, que constitúe o eixo básico da intervención en casos de emerxencia médica. É aquí onde se reciben as chamadas, analízase a información obtida e, se a situación requíreo, mobilízanse os recursos asistenciais axeitados. 

A carteira de servizos da Central de Coordinación inclúe actividades relacionadas coa consulta e a asesoría sanitaria, a educación para a saúde e a prevención de enfermidades. Para isto, conta desde o ano 2008, co número de atención sanitaria 902 400 116. Estas consultas, son tamén atendidas desde a Central de Coordinación, o que a converte nun auténtico call-center de resposta sanitaria integral.

O equipo humano que desenvolve a súa actividade na Central de Coordinación está integrado por operadores da demanda (teloperadores e locutores), enfermeiros de consulta, formadores e médicos coordinadores. Toda a actividade que se desenvolve nunha quenda está supervisada polo xefe de sala que é o máximo responsable operativo.



Gravación das chamadas: en cumprimento da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Personales e Garantía dos Dereitos Dixitais, que adapta ao ordenamento español o Regulamento europeo de protección de datos, informámoslle que todas as chamadas realizadas ao teléfono de emerxencias sanitarias da Fundación Publica Urxencias Sanitarias de Galicia-061 son gravadas. Os datos recollidos son tratados en base aos ficheiros rexistrados na Axencia Española de Protección de Datos por parte da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, e empregaranse coas finalidades que estes teñen definidas e axustándose aos requirimentos de seguridade recollidos na citada lei e no Real Decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración Electrónica. Vostede pode exercitar os seus dereitos de acceso/ rectificación/ cancelación e oposición en calquera punto da rede sanitaria da Consellería de Sanidade.