h1

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participou, o pasado 9 de xuño, no simulacro dun incidente de múltiples vítimas que tivo lugar esta tarde no Porto de Vigo, enmarcado no XXXII Congreso da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (Semes) que estase a celebrar na cidade de Vigo. Ao simulacro asistiron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña e a directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan.
Para a realización desta simulación foi necesaria a participación de máis de 100 persoas e a colaboración da Policía Local de Vigo, Policía Nacional, Policía Portuaria, Garda Civil, Bombeiros de Vigo, Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, Subcentro de Control e Seguridade da Autoridade Portuaria de Vigo, Cruz Vermella e alumnos do instituto Ricardo Mella de Vigo que actuaron como figurantes.

Explosión nun buque con risco NBQ
No acto recreouse a explosión dunha botella de gas altamente inflamable no interior dun buque atracado nun dos pantaláns do Porto de Vigo. Por mor desta explosión, desencadeábase un incendio na bodega da embarcación que provocaba queimaduras a 23 persoas que sufriron, ademais, risco de ter contacto con materiais radioactivos, biocontaminantes e químicos.

A atención dos feridos fixo necesario o despregue dunha estación NBQ pola presencia de elementos de natureza radiolóxica, nuclear, biolóxica e química. Tras a realización da triaxe das vítimas, na que colaboraron membros das forzas e corpos de seguridade, o persoal sanitario de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu aos feridos. A atención ás múltiples vítimas requiriu a mobilización de tres ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e tres ambulancias asistenciais de soporte vital básico para o traslado dos feridos aos correspondentes centros sanitarios. Tamén, simulouse a caída dun dos feridos ao auga e o seu rescate polo helicóptero Pesca-1.

Garantía dunha asistencia axeitada
O obxectivo deste tipo de actuacións basease principalmente na comprobación do axeitado funcionamento dos procedementos de activación, mobilización e constitucións dos grupos operativos, centros de coordinación, mando e control; así como a revisión da coordinación entre os organismos intervenientes no caso de incidentes de múltiples vítimas.
 
A realización de simulacros periódicos constitúe unha actividade clave do servizo público de atención ás urxencias e ás emerxencias sanitarias galegas que, deste xeito, adestra as capacidades do seu persoal e a dos seus recursos asistenciais para garantir a asistencia máis axeitada no caso de producirse un accidente de múltiples vítimas na Comunidade Autónoma galega.