h1

Definición

Programa deseñado polo 061 en colaboración coas unidades de psiquiatría, que ten como instrumento básico o “Protocolo xeral para traslados e ingresos non voluntarios e urxentes de persoas con enfermidade ou trastorno mental” subscrito entre a Consellería de Sanidade, a Delegación do Goberno en Galicia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Está encamiñado a mellorar a rapidez de resposta dos distintos intervenientes na resolución deste tipo de crise, asegurando a atención as 24 horas do día.

Os obxectivos deste programa son:

  • Acceso inmediato das persoas afectadas cos recursos asistenciais a través da vía telefónica.
  • Desenvolver un protocolo específico de intervención dirixido aos pacientes.
  • Asegurar o traslado de pacientes en condicións de seguridade, rapidez e dignidade.
  • Asegurar a conexión interniveis: atención primaria, atención especializada ambulatoria e hospitalaria conectando cos servizos de urxencia.
  • Establecer un programa de adestramento e formación continuada específico para operadores e equipos de intervención do 061.
  • Desenvolvemento dun programa informático de rexistro.
  • Informar, asesorar e orientar aos pacientes, familiares, cidadáns. Establecer un programa de intervención con pacientes coñecidos e atendidos polos servizos asistenciais que se atopan en situación de risco ou crise. Establecer un programa de mellora continua.


Funcionamento

Este programa implementa a coordinación de recursos entre os distintos niveis asistenciais e de ser precisas outras institucións, como protección civil, autoridades civís, administración de xustiza para asegurar a intervención inmediata, efectiva, segura e de calidade no lugar da crise cando un cidadán alerta dunha situación na que se sospeite descompensación dunha patoloxía psiquiátrica crónica ou o debut dun cadro agudo.