h1

Definición

Alerta Escolar é un conxunto organizado de accións administrativas, informativas e operativas que pretende achegar unha atención sanitaria inmediata e eficaz a todos os nenos escolarizados de entre 0-16 anos, que padecen patoloxías crónicas susceptibles de descompensación con compromiso vital:

  • Crises alérxicas (anafilaxia) por exposición a alérxenos normalmente alimentarios.
  • Crises comiciais (epilepsia nas súas diferentes formas).
  • Crises diabéticas (en xeral, hipoglucemias).

 

Obxectivo

Alerta Escolar pretende a coordinación entre o profesorado (facendo que sexa capaz de recoñecer a emerxencia médica provocada por un cadro agudo das patoloxías descritas, e de prestar unha primeira atención mentres non chegan os recursos adecuados) e a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Funcionamento

Tras recibir unha alerta, o recoñecemento do paciente inscrito nunha base de datos e o acceso inmediato ao seu historial clínico, posibilita acadar un alto nivel de eficacia e unha racional utilización dos recursos dispoñibles para a atención da emerxencia. Á vez, o profesor responsable designado en cada caso é dirixido por un médico desde a Central de Coordinación na asistencia do neno afectado, podendo, se é preciso, administrarlle de maneira precoz unha medicación pautada de antemán, que é conservada e custodiada no centro escolar.


Como inscribirse

Todos os centros de ensinanza obrigatoria de Galicia, xunto coas escolas da rede pública da Xunta de Galicia no proceso de admisión do alumnado, facilitan a nais, pais ou titores a documentación necesaria para incluír os seus fillos no Programa Alerta Escolar, no caso de que padezan algunha das citadas patoloxías crónicas.
A solicitude deberá ir acompañada dun informe médico da patoloxía do neno/a, incluíndo no mesmo a medicación que será necesaria administrar en caso de crise aguda.
Os profesionais de pediatría, poden igualmente solicitar a inclusión dos nenos/as neste programa ao detectar as patoloxías incluídas neste.