h1

Definición

Alerta Escolar é un conxunto organizado de accións administrativas, informativas e operativas que pretende achegar unha atención sanitaria inmediata e eficaz a todos os nenos escolarizados de entre 0-16 anos, que padecen patoloxías crónicas susceptibles de descompensación con compromiso vital:

  • Crises alérxicas (anafilaxia) por exposición a alérxenos normalmente alimentarios.
  • Crises comiciais (epilepsia nas súas diferentes formas).
  • Crises diabéticas (en xeral, hipoglucemias).

 

Obxectivo

Alerta Escolar pretende a coordinación entre o profesorado (facendo que sexa capaz de recoñecer a emerxencia médica provocada por un cadro agudo das patoloxías descritas, e de prestar unha primeira atención mentres non chegan os recursos adecuados) e a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Funcionamento

Tras recibir unha alerta, o recoñecemento do paciente inscrito nunha base de datos e o acceso inmediato ao seu historial clínico, posibilita acadar un alto nivel de eficacia e unha racional utilización dos recursos dispoñibles para a atención da emerxencia. Á vez, o profesor responsable designado en cada caso é dirixido por un médico desde a Central de Coordinación na asistencia do neno afectado, podendo, se é preciso, administrarlle de maneira precoz unha medicación pautada de antemán, que é conservada e custodiada no centro escolar.


Como inscribirse

Os pais que queiran inscribir aos seus fillos no programa Alerta Escolar poderán facelo a través da seguinte ligazón da Consellería de Cultura, Educación e Universidade  https://www.edu.xunta.gal/portal/alertaescolar no caso de que estean a realizar a educación obrigatoria nun centro da rede de centros públicos ou concertados da Xunta de Galicia.


Se os menores estudan en centros de ensino privados ou están matriculados nunha escola infantil deberán encher o seguinte formulario e xunto co informe médico do neno, remitilo por correo postal á seguinte dirección:


Programa Alerta Escolar
Fundación Pública  Urxencias Sanitarias de Galicia-061
Secretaría da Dirección de Coordinación
Rúa da Cultura s/n 2ª andar
36680 A Estrada