h1

O corpo humano posúe un centro termorregulador que se encarga de que a temperatura se manteña sempre entre uns límites, independentemente da temperatura ambiental, e de que siga un ciclo diario que oscila entre valores mínimos de madrugada, e máximos sobre o serán.

Considéranse normais os valores comprendidos entre 36 e 37 graos centígrados, definindo febrícula entre 37 e 38 graos e febre a valores superiores aos 38 graos (a temperatura medida no recto adoita ser 0,5 graos maior que a real).

Ao longo da xornada as variacións da temperatura adoitan ser inferiores a 1,5ºC. A temperatura máxima do organismo acádase entre as 18:00 h. as 22:00 h., e a mínima entre as 2:00 h. e as 4:00 h. Este ritmo circadiano é moi constante e mantense inclusive nos pacientes febrís.
Outras situacións como o estrés, o exercicio físico, o período hormonal no caso da muller,…, poden facer variar tamén minimamente a temperatura basal. Nalgunhas ocasións, e en resposta a certas agresións infecciosas ou non (inflamacións, enfermidades internas,...), o organismo sofre unha elevación da temperatura que serve para potenciar a acción dos seus mecanismos de defensa.

Coincidente coa febre adoitan aparecer uns síntomas atribuíbles ao propio incremento da temperatura como son: dor de cabeza, dores musculares, sudación, calofríos, aumento da frecuencia cardiorrespiratoria, escurecemento dos ouriños.

A parte destes síntomas propios, poden aparecer outros relacionados coa orixe da febre: esbirros, tose, molestias urinarias,...

Que facer:

  • Beber auga en maior cantidade do habitual.
  • Manter un ambiente axeitado na habitación.
  • Medidas físicas: compresas de auga morna sobre a fronte, o colo, as axilas e as inguas, baños de auga morna.
  • Utilizar fármacos antitérmicos (paracetamol, ácido acetilsalicílico, ibuprofeno, metamizol) con prudencia, sempre que non existan alerxias nin contraindicacións.
  • Vixiar a aparición de síntomas de gravidade: dor abdominal ou lumbar importante, fixa e progresiva; rixidez de caluga; dor torácica ou dificultade respiratoria severas; cefalea que non cede con analxésicos; manchas cutáneas en distintas localizacións; irritabilidade e choro continuo e inconsolable en nenos pequenos; alteracións da consciencia.
  • Consultar cun médico sempre que aparezan síntomas de gravidade: chame ao 061.
  • Se ten algunha dúbida sobre tratamento ou medidas a tomar: chame ao teléfono de consulta sanitaria 902 400 116.
Evitar:
  • Abusar de medicación antitérmica.
  • Auto administrarse antibióticos.
  • Infravalorar síntomas acompañantes.
  • Empregar baños de auga xeada.