h1

Pola súa gran frecuencia nas nosas estradas e a potencial gravidade das súas consecuencias, os accidentes de tráfico téñense convertido nunha das “pragas” do noso tempo. Son sucesos ante os cales, se somos testemuñas ou estamos implicados, convén ter clara unha serie de normas básicas de actuación.

Que facer:

  • Deteña sosegadamente o seu vehículo fóra da calzada, nun lugar no que non poida provocar máis accidentes.
  • Póñase un chaleco de alta visibilidade.
  • Sinalice a zona cos triángulos de perigo ou coas balizas luminosas de emerxencia.
  • Achéguese prudentemente, tratando de facer unha primeira valoración do accidente: número e tipo de vehículo (camión, utilitario, moto...), número aproximado e estado dos feridos.
  • Poña o freo de man, apague as luces e retire as chaves do contacto dos vehículos implicados, sempre que non poña en perigo a súa integridade física.
  • Chame ao 061 (Urxencias Sanitarias para toda Galicia). Manteña a calma e facilite á persoa que lle atenda TODA a información que lle solicite, é imprescindible para facer chegar ao punto os medios de atención adecuados coa maior brevidade.
  • Advirta se existe algún risco engadido polas circunstancias dos vehículos ou polo tipo de carga que transportan.
  • Unha vez requirida dita información, ao mesmo tempo que a asistencia está saíndo cara onde vostede se atopa, un médico desde o outro lado do teléfono daralle uns consellos básicos de doada realización, que lle poden ser moi útiles mentres non chega a asistencia, aínda que nunca antes se vira en semellante situación.
  • Axude aos feridos conforme lle teñan indicado desde o 061.
  • Trate de organizar, para que a súa axuda sea útil, as demais persoas que se acheguen ao lugar do accidente.
  • Se algún dos vehículos estivera incendiado, afástese a unha distancia prudente para poñerse a salvo dunha posible explosión.

Evitar:
  • Non deteña precipitadamente o seu vehículo en calquera lugar.
  • Se cando chegue ao accidente non é necesaria a súa colaboración, continúe o seu camiño; non sexa un espectador.
  • Non se achegue a un vehículo en chamas; nunca fume nas proximidades dun accidente.
  • Non descuide nunca os seus movementos: podería ser atropelado. Nunca arrisque a súa vida tratando de acceder a lugares perigosos.
  • Evite situacións de alarmismo e histeria colectiva: só aumentan o caos e agravan a situación.
  • Se hai un ferido de moto e leva casco, non llo retire se non sabe exactamente como facelo.
  • Non mobilice feridos con sospeita de traumatismos nas costas: podería provocarlles graves lesións medulares.
  • Non traslade os feridos no seu vehículo particular.