h1

 

O pasado 1 de xullo, un dispositivo sanitario formado por profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 achegouse ata o porto de Valencia para trasladar aos estudantes galegos afectados polo gromo por mor da Covid-19 en Mallorca.

 

O dispositivo estivo formado por un médico e dous enfermeiros que se desprazaron, a noite anterior desde a cidade de Santiago, nunha ambulancia para o traslado da xente nova que puidera confirmarse como positiva en Covid-19. Ademais, a Consellería de Sanidade enviou un autobús para que todos aqueles cuxo resultado da proba fora negativa puideran ser trasladados ata Galicia.

Se ben, nun primeiro momento antes de embarcar, o resultado das probas para a detección da Covid-19 de todos os trasladados desde Mallorca a Valencia foi negativo, na repetición da proba, antes de iniciar a viaxe ata Galicia, o persoal sanitario do 061 de Galicia detectou que cinco deles eran positivos

Foron, precisamente estes cinco mozos, os que necesitaron ser trasladados polo persoal sanitario de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ata os seus domicilios en dúas ambulancias colectivas e aptas para o traslado de ata seis persoas. O autobús co resto da xente nova achegoulles ata os concellos de Vimianzo e Arteixo, onde residían os estudantes.

O traslado realizouse sen incidentes e cumprindo coas máis estritas garantías de seguridade para todos os estudantes.