h1

O Centro de Formación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 constitúe un dos seus eixos estruturais fundamentais. É o responsable de xestionar a formación, actualización e capacitación dos profesionais tanto a nivel individual como de equipo.

Entre os seus obxectivos atópanse a formación para a implementación de novos programas asistenciais, transformar en realidade proxectos de mellora mediante accións formativas e dar resposta a necesidades de fortalecemento de áreas concretas. A creación do Centro de Formación en Medicina de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes no ano 2002 permitiu unha maior visibilidade e capacidade organizativa.

Actualmente o servizo está estruturado de forma descentralizada por toda Galicia a través da comisión de docencia, cunha referencia nas oficinas centrais do Centro Integral de Atención ás Emerxencias (CIAE) situado na localidade da Estrada, onde se atopa a secretaría técnica e a xefatura do servizo. A soa existencia deste centro pon de manifesto a aposta decidida da dirección da Fundación pola formación como un aspecto esencial para a constante mellora continua e a procura da excelencia.