h1

PLAN DE FORMACIÓN XERAL


Estratexia xeral do plan: as tres grandes patoloxías que xustifican a existencia dos sistemas integrais de emerxencias e que constitúen a maior parte da actividade da emerxencia extrahospitalaria son:


  • Paradas cardiorrespiratorias.
  • Patoloxía cardíovascular.
  • Patoloxía traumática.

 

Para unha atención de calidade a este tipo de patoloxías é necesaria unha formación continuada que actualice os coñecementos dos profesionais que van atender a estes pacientes, non só no ámbito hospitalario, senón tamén desde o propio lugar onde ten lugar o suceso. Co nacemento da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, deuse un gran paso para gañar eses minutos de ouro que salvan a vida do paciente. Con todo, a gran dispersión da poboación da nosa Comunidade fai que sexa moi difícil unicamente co persoal das unidades asistenciais de Soporte Vital Avanzado (SVA) chegar neses minutos vitais ao momento necesario. Por este motivo, faise necesaria a colaboración doutros profesionais, que pola súa localización, ás veces máis próxima ás posibles vítimas, poden chegar antes, ou ben, en casos de catástrofes ou IMV, van ser colaboradores imprescindibles na actuación. Estes colectivos son os TES e os médicos e enfermeiros de AP.


Formación interna de médicas/os e enfermeiras/os: dende o inicio, foi unha preocupación constante da Fundación a cantidade e a calidade da formación do seu persoal. Detectadas as necesidades con enquisas internas e o diálogo cos profesionais, fomentouse a realización de cursos relacionados coa actividade habitual e actualmente gran parte do seu persoal posúe a capacitación como monitores e instrutores en soporte vital básico (SVB) e SVA, Soporte Vital Pediátrico e Soporte Vital en Trauma, ademais dos cursos e simulacros de catástrofes e IMV. Do esforzo realizado pola Fundación neste campo poden e deben beneficiarse outros colectivos a través dos cursos externos que se organicen.


Obxectivos e medios do Plan Formativo Xeral


Os grupos diana aos que se dirixe o plan son:


  1. Profesionais sanitarios.
  2. Profesionais de emerxencias non sanitarios.
  3. Poboación xeral.

 

  1. Profesionais sanitarios

    1. Obxectivos: realizar unha serie de cursos que lles actualicen e capacítenlles para a atención de calidade ás patoloxías urxentes con compromiso vital máis frecuentes.

    2. Actividades:

      1. Cursos de SVA.
      2. Cursos de soporte vital avanzado en trauma.
      3. Cursos de atención á síndrome coronaria aguda.
      4. Cursos de soporte vital pediátrico.
      5. Cursos de atención a catástrofes e múltiples vítimas.
      6. Outros cursos: interpretación de ECG e tratamento de arritmias.
      7. Outros cursos de realización interesante en persoal interesado: regulación de demanda en centrais de coordinación e reciclaxes por medio de talleres prácticos de curta duración.


  2. Profesionais de emerxencias non sanitarios

    1. Obxectivos: adquirir unha formación que lles capacite para a atención inicial ás vítimas con risco vital que se poidan atopar na súa actividade profesional.

    2. Actividades:

      1. Cursos de SVB.
      2. Cursos de primeiros auxilios e asistencia ao trauma.
      3. Outros cursos: colaboración en simulacros de catástrofes e asistencia a IMV.

  3. Poboación xeral

    1. Obxectivos: adquirir a capacidade de atención inicial á PCR e a cultura sanitaria para actuar en situacións urxentes.

    2. Actividades:

      1. Cursos de SVB.
      2. Cursos de primeiros auxilios e trauma.

 


PLAN DE FORMACIÓN INTERNA

 

  • Obxectivos (Manter un elevado nivel de capacitación):

    1. Dotar aos profesionais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 da competencia profesional óptima para o desempeño do seu papel dentro da organización.
    2. Facilitar a progresión profesional desde o nivel competencial óptimo ao da excelencia.