h1

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, co fin de satisfacer as necesidades e expectativas dos seus grupos de interese, centrada especialmente en dar o mellor servizo aos cidadáns, atópase inmersa desde hai anos nun proceso de mellora continua orientado á excelencia.

O Sistema de Xestión da Calidade basease fundamentalmente en tres aspectos: o Modelo EFQM, asumido como un modelo integral de xestión e base para acadar a excelencia, a xestión por procesos, como forma de levar a estratexia ao día a día da organización e a seguridade do paciente.

Neste sentido, cabe destacar a realización de 7 autoavaliacións, dende o ano 2004, baseadas no Modelo EFQM de Excelencia e a obtención de varios Selos de Excelencia, tendo actualmente en vigor o Selo EFQM 500 pola súa xestión excelente, innovadora e sostible.

O conxunto de certificacións, selos e instrumentos referidos converten á Fundación nun dos servizos de emerxencias máis avanzados de España en materia de xestión, auditada por entidades externas de acordo a modelos internacionalmente aceptados.