h1

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participou hoxe, 4 de outubro, na presentación do Plan de continxencia da Gripe 2019-2020 da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.

O Plan de continxencia da Gripe 2019-2020 é un documento elaborado por un amplo equipo de profesionais sanitarios de Pontevedra e do Salnés, pertencentes a estes servizos, co que se pretende evitar as consecuencias máis graves debidas á infección, velando pola prevención de abrochos e prevendo picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais nesta área sanitaria.

No transcurso da presentación, o Xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, estivo acompañado pola directora de Procesos Asistenciais, a doutora Sonia Fernández-Arruti Ferro, dos coordinadores de Urxencias e Admisión do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Hospital do Salnés, os xefes de servizo de Medicina Interna, Medicina Preventiva, Pneumoloxía, Microbioloxía e Pediatría, supervisoras e coordinadoras de Enfermaría, así como os xefes de servizo dos centros de saúde de Virxe Peregrina e A Parda en Pontevedra e do xefe de base da ambulancia medicalizada de Pontevedra da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Carlos Fontoira Fernández.

Na súa intervención, o xerente da EOXI de Pontevedra e O Salnés, Jose Ramón Gómez, insistiu na relevancia da vacinación contra a gripe e aseverou que, coma en campañas anteriores, a vacina é a mellor estratexia para a afrontala, pois reduce considerablemente o número e a gravidade de complicacións derivadas da mesma.

Neste senso, aconsellouse que, ante a aparición de claros síntomas de gripe, os cidadáns deben chamar ao 061 e gardar repouso no seu domicilio e nos casos que se considere necesario, acudir ao centro de saúde correspondente. Así mesmo, incidiuse na seguridade da vacina e na súa efectividade, sinalando que a gripe non é unha enfermidade banal, pois se estima que en España a contraen 750.000 persoas ao ano, das que 2.000 falecen directamente e 10.000 indirectamente.