h1

1- En que consiste o programa?

O programa "Acude e Axuda" é pioneiro en España, ten por finalidade rexistrar un grupo de persoas voluntararias, formadas en reanimación cardio-pulmonar e manexo de desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), que cubran todo o territorio galego, creando así unha rede de posibles "salvadores" de vidas (reanimadores), facendo da nosa comunidade unha comunidade cardioprotexida.

2- Que formación se necesita para pertencer ao listado de voluntarios do programa?

Poderán pertencer a dito programa: todas aquelas persoas que estean en posesión dos seguintes títulos:

  • Licenciatura en Medicina e Cirurxía ou Grao de Medicina.
  • Diplomatura Universitaria en Enfermaría ou Grao de Enfermaría.
  • Formación Profesional de Técnico en Emerxencias Sanitarias, certificado de profesionalidade equivalente ou habilitación.


3- Que máis se necesita para participar no programa?

  • Dispoñer dun teléfono móbil con datos.
  • Descargar no teléfono as aplicacións TELEGRAM e URXENCIAS SANITARIAS GALICIA (061) dispoñible para IOS e Android.


4- Cal será o funcionamento do programa?

Dende a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia. 061 (CCUSG-061) un médico coordinador despois de asistir telefonicamente unha chamada con sospeita de parada cardiorrespiratoria activará o programa “Acude e Axuda”. A partir de entón mobilizaranse os recursos propios que de forma habitual realiza a CCUSG-061 (ambulancias, helicópteros…), completándose neste caso co envío dunha mensaxe a través da aplicación TELEGRAM aos voluntarios do programa. No teléfono móbil dos voluntarios aparecerá unha mensaxe como o seguinte exemplo:


No suposto caso de que o receptor (voluntario) da mensaxe estivese a menos de 10 minutos da dirección facilitada na mensaxe e con dispoñibilidade para acudir ao punto, chamará ao número de emerxencias sanitarias para Galicia “061” comunicando que é un voluntario do Programa Acude e Axuda e que se dirixe ao punto indicado, e seguirá as instrucións que dende a CCUSG-061 lle sexan facilitadas. Pódense dar as seguintes situacións:
  • Que sexa o primeiro voluntario en responder.
  • A CCUSG-061 comunicará ao voluntario que non é necesaria a súa axuda.


5- Como pode vostede anotarse como voluntario do Programa Acude e Axuda?

A través das distintas organizacións participantes no programa; vostede deberá pertencer a algunha delas e a organización á que pertenza será a que facilite á FPUSG. 061 os seus datos (no momento actual Cruz Vermella, Protección Civil, Empresas de transporte sanitario que prestan servizo para o 061, FPUSG. 061). O programa estenderase en breve a máis entidades.