A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 naceu en 1995 co obxectivo de que os profesionais de urxencias achegasen a asistencia sanitaria ata o lugar onde se atopase o paciente e de que fosen os propios pacientes quen contactasen directamente co servizo público de emerxencias, marcando un sixelo número de télefono: 061.
Dende as primeiras oito ambulancias medicalizadas e as 75 ambulancias de soporte vital básico (SVB) para asistir en toda a Comunidade Autónoma galega fomos crecendo ata conformar unha Rede de transporte sanitario urxente formada por 16 ambulancias de soporte vital avanzado (SVA), 107 ambulancias de SVB e dúas ambulancias convencionais; ademais de dous helicópteros medicalizados.
Como non podía ser doutro xeito, a evolución deste servizo foi posible grazas a cada un dos profesionais que co seu traballo diario posibilitan que o 061 de Galicia continúe sendo o servizo que máis valoran os seus usuarios dentro do Servizo Galego de Saúde e que nos converteramos para a cidadanía, en moitas ocasións, na porta de entrada ao sistema sanitario público.
En Urxencias Sanitarias de Galicia-061 camiñamos cara á mellora continua a través dun firme compromiso coa transparencia na xestión do servizo, a calidade na asistencia e a innovación permanente dos recursos materais e dos recursos humanos a través da formación continuada e especializada. Tendo sempre presente a misión do servizo de ofrecer ao cidadán a solición inmediata máis axeitada ao seu problema de saúde.
Para terminar, a través desta páxina web pretendemos achegarnos, aínda máis, a todos aqueles que xa nos conñecen, informando sobre o noso traballo e os nosos proxectos, e a aqueles que queren saber sobre nós, mostrando quen somos e como traballamos.
Adriana Regueira Pan
Directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061