h1

IMG_3048g.jpg

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou, no acto de presentación do Porto de Vigo como espazo cardioprotexido, que a inclusión de desfibriladores nos espazos laborais que concentran un gran número de traballadores e cunha actividade incesante, como é o caso do Porto de Vigo, “son fundamentais para asegurar unha intervención rápida e eficaz, xa que a maioría das mortes evitables causadas por factores cardiovasculares ocorren fóra dos centros hospitalarios.

No acto, no que tamén interviñeron o presidente da autoridade portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; e a presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro Rojo, o conselleiro de Sanidade remarcou que a instalación de forma estratéxica no porto vigués, ao longo de todo o recinto, de dez desfibriladores externos semiautomáticos, “contribuirá a aumentar a porcentaxe de supervivencia e a minimizar as posibles secuelas dunha parada cardíaca; xa que a súa localización garante acceder a eles nun tempo inferior a cinco minutos”. Tamén estiveron presentes a directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Ademais, a instalación de desfibriladores en catro vehículos preparados para desprazarse de xeito inmediato ata donde sexa necesario, incrementa, aínda máis, as garantías deste espazo, -subliñou García Comesaña-.

Esta iniciativa é, -tal e como recordou o conselleiro-, grazas ao acordo asinado o pasado mes de maio entre a Consellería de Sanidade, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e a autoridade portuaria viguesa, que posibilita converter o recinto portuario e a súa contorna nun espazo cardioprotexido.

García Comesaña lembrou, así mesmo, que as enfermidades cardiovasculares constitúen a principal causa de defunción e que cada ano contabilízanse ao redor de 800 mortes súbitas súbitas en Galicia.

Galicia, espazo cardioprotexido

Tal e como sinalou o conselleiro, a Xunta de Galicia está a apostar, dende hai anos, por iniciativas que melloran a supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias. “Precisamente a nosa comunidade foi pioneira en España na regulación e implantación de desfibriladores externos semiautomáticos a disposición da cidadanía”.

Dende o ano 2016 está en marcha o programa Acude e Axuda, que é unha iniciativa de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria en lugares públicos por persoal acreditado no manexo deste tipo de aparellos. Na actualidade, -dixo o conselleiro-, este programa conta con máis de 500 voluntarios, todos eles preparados para asistir a unha parada cardíaca en calquera punto de Galicia.

Xunto ao anterior, García Comesaña destacou que en Galicia hai máis de 2.000 desfibriladores activos e a aplicación móbil de Urxencias Sanitarias de Galicia permite o acceso, a través dun mapa, á súa situación.

Así mesmo, toda a rede de albergues públicos de Galicia conta, dende 2019, con desfibriladores semiautomáticos externos, e o seu persoal está formado no seu uso, así como en primeiros auxilios.