h1

A base medicalizada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 da Coruña II, situada na rúa Gregorio Hernández, ven de trasladarse a unhas novas instalacións, nas que prevalecen o aspecto eficiente e ecolóxico da edificación.

O edificio da nova base da Coruña II conta con dúas alturas. Na planta baixa atópase o garaxe da ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e o almacén de material e funxibles. A primeira planta está destinada ao persoal que estea de quenda e conta cunha sala de reunións, zona de traballo, área de descanso, cociña, dous vestiarios e catro habitacións.

No proxecto de acondicionamento das instalacións, onde o persoal médico e enfermeiro do 061 realiza quendas de 24 horas, primou en todo momento a integración da edificación co seu entorno e o aproveitamento dos recursos naturais, especialmente da luz natural para a iluminación do edificio cuns espazos interiores maioritariamente diáfanos.

Ademais, as novas instalacións atópanse moi próximas a antiga base medicalizada do 061 de Galicia, polo que a calidade da atención aos usuarios, que sufran unha urxencia ou unha emerxencia na área de referencia da ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, seguirá a manterse nos mesmos estándares de satisfacción.