O 061 de Galicia e a Orde de Malta prestarán asistencia sanitaria a peregrinos e visitantes na Catedral de Santiago a partir de hoxe

A ambulancia asistencial de soporte vital avanzado de Enfermería permanecerá entre as 11:45 e as 13:30 horas na praza da Quintana e entre as 17:00 e as 19:00 horas na Oficina de Atención ao Peregrino, situada na rúa Carretas

No verán de 2019, último en contar co dispositivo para a asistencia sanitaria a peregrinos e visitantes, foron atendidas 317 persoas, cunha media de catro asistencias diarias
 

Santiago, 18 de xullo de 2022

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Orde dos Cabaleiros de Malta colaborarán a partir de hoxe para a prestación de asistencia sanitaria aos peregrinos que se acheguen á Catedral de Santiago de Compostela e, pola tarde, ata a Oficina de Atención ao Peregrino. A colaboración realízase en prol dun acordo que permitirá que este dispositivo sanitario se manteña operativo ao longo de catro semanas, desde hoxe, 18 de xullo, ata o próximo 14 de agosto, período no que se estima que o incremento de turistas e peregrinos sexa maior.

 

Como vén facendo durante os últimos anos anteriores á pandemia por Covid-19, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dispón do material humano e funxible necesario para a atención sanitaria daquelas persoas que se atopen na Catedral de Santiago ou no seu contorno. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado de Enfermería permanecerá entre as 11:45 e as 13:30 horas na praza da Quintana e entre as 17:00 e as 19:00 horas na Oficina de Atención ao Peregrino, situada na rúa Carretas.

Verán 2019

Durante os meses de verán do ano 2019, último en contar co dispositivo sanitario de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para a asistencia sanitaria a peregrinos e visitantes na Oficina de Atención ao Peregrino, foron atendidas 317 persoas, o que supuxo unha media de catro asistencias cada día.

 

Respecto á distribución por sexos dos atendidos, o 56% dos pacientes foron mulleres e o 43% homes. A distribución por idades amosa que o 33% dos doentes tiñan entre 21 e 50 anos. Atendendo á procedencia dos peregrinos e visitantes, preto do 60% do total tiña nacionalidade española, o 32% provían de países da Unión Europea (UE) e o resto de fóra da UE ou incluso doutros continentes.

 

Os pacientes presentaban principalmente feridas ou lesións, sobrecargas musculares e fatiga. Cómpre salientar que o 97% dos doentes foron dados de alta no punto sen que fora necesaria a derivación a outro nivel asistencial.

 

A Orden de San Juan de Jerusalén é unha orde relixiosa laica, tradicionalmente militar, cabaleiresca e nobiliaria. Constitúe unha das máis antigas institucións da civilización occidental e cristiá e os seus voluntarios están organizados en estruturas sociais, asistenciais, sanitarias e sociais dedicadas a dar servizo aos pobres e necesitados. Actualmente, esta orde está presente en máis de 120 países.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 presta atención sanitaria ás urxencias e emerxencias sanitarias no ámbito extrahospitalario na Comunidade galega desde o ano 1995 e actualmente está considerado como o servizo público sanitario mellor valorado pola cidadanía, obtendo os máis altos índices de valoración pola súa poboación usuaria.

Imaxes relacionadas