h1

O Programa Alerta Corazón, pioneiro en España, xurde como unha iniciativa desenvolvida pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 coa finalidade de atender antes e mellor os pacientes que teñan sufrido un infarto agudo de miocardio ou unha anxina inestable. O programa permite ter rexistrados os pacientes de risco da síndrome coronaria aguda, para poder así intensificar a atención sobre eles.

O obxectivo do programa é axilizar e optimizar a resposta a pacientes con antecedentes de eventos coronarios agudos, mediante a incorporación da súa historia clínica cardiolóxica á aplicación informática do persoal facultativo da Central de Coordinación. O obxectivo último é o de contribuír de maneira decisiva a diminuír a morbi-mortalidade da poboación galega por eventos coronarios no ámbito extrahospitalario.

Unha vez que o paciente é incluído no programa, procédese a rexistrar a información máis relevante do seu historial clínico nunha base de datos que estará accesible as 24 horas do día, os 365 días do ano na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

No caso de que o paciente presente un problema de saúde en calquera punto da nosa Comunidade, ao chamar ao teléfono 061 e indicar o número da súa tarxeta sanitaria ou os seus datos persoais (nome e apelidos), o médico coordinador identificarao como paciente “Alerta Corazón” e disporá de inmediato do seu historial clínico, grazas a unha aplicación informática deseñada para a súa indentificación.

Esta aplicación permite enviar estes datos ao equipo de emerxencias que se desprace ao seu domicilio con maior rapidez e cunha información precisa en canto á súa patoloxía de base, electrocardiogramas previos e ao tratamento que estea tomando nese momento. Ademais, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 reforza este programa mediante a posta en marcha de cursos de formación sanitaria en reanimación cardiopulmonar básica para as persoas que conviven con este tipo de pacientes, dada a importancia dunha actuación rápida e eficaz, mentres chega o equipo especializado do 061.