h1

En ocasións, ben polo exame que realiza o equipo de coordinación sobre os motivos de consulta nas chamadas recibidas ou ben polo aviso dos profesionais sanitarios de atención primaria, levántase a sospeita sobre algunha patoloxía que polo seu mecanismo de produción ou de transmisión pode ser perigosa para a comunidade.

Este programa realízase en colaboración coa Dirección de Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade e consiste en: captar, rexistrar, avaliar e comunicar todos os rexistros sanitarios que corresponden ao ámbito da vixilancia epidemiolóxica, nos casos nos que esta atención sexa prestada, coordinada e controlada polo 061 e tamén porque a información rexistrada sexa de por si importante para o sistema sanitario.

Por outra banda a FPUSG-061 a través dos números 061 ou 902 400 116, tense situado, como referencia para proporcionar información á poboación e/ou para centralizar a recollida de información en diversas situacións de crises sanitarias de ampla repercusión sobre a saúde pública (gripe Aviar, gripe A, afectadas por implantes de próteses mamarias PIP,…).

Vixilancia da gripe: asemade, e especificamente, en Galicia, a actividade gripal vixíase coas chamadas que recibe o 061 por gripe ou infección respiratoria aguda, IRA (desde o ano 2001) xunto cos casos rexistrados en distintos consultorios pertencentes á atención primaria (estes últimos incorporados a partir do ano 2009). Estes datos avalíanse despois cos casos de declaración obrigatoria de enfermidade (sistema SXNOE) e complétanse cos de vixilancia microbiolóxica. Serven tamén para calificar a actividade gripal en Galicia de acordo cos criterios da Rede española de vixilancia da gripe.

O 061 envíalle ao Servizo de Epidemioloxía datos das chamadas que os seus médicos coordinadores codifican como gripe ou IRA, téndose demostrado en estudos realizados previamente como extraordinariamente válidas para detectar o inicio das ondas epidémicas de gripe e dos seus picos de máxima intensidade.