h1

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dependente da Consellería de Sanidade, vén de obter o Selo de Excelencia 500+, concedido pola Fundación Europea para a Xestión da Calidade (EFQM), que reafirma o seu compromiso no cumprimento dos obxectivos de calidade e o seguimento dunha estratexia orientada cara á excelencia, a innovación e a sostibilidade na xestión.
 
Desde o ano 2004, no que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 implantou o modelo EFQM na xestión, o servizo público de urxencias e emerxencias sanitarias galego obtivo sucesivamente os selos 200+, 300+ e 400+. No ano 2009, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi recoñecida co Selo de “Compromiso coa Excelencia” por obter máis de 200 puntos no proceso de autoavaliación levado a cabo.
 
Recoñecemento internacional
 
O Selo 500+ constitúe un dos máximos recoñecementos internacionais ás organizacións que alcanzan os obxectivos de xestión que lles axudan a transformarse, promover a innovación e integrar prácticas de bo goberno; é dicir, recoñece a xestión estruturada e baseada na mellora continua.
 
Así, a obtención do Selo 500+ pola Fundación Europea para a Xestión da Calidade reafirma, unha vez máis, o compromiso de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 cunha atención e asistencia á poboación galega baseada na xestión dos recursos e da calidade da asistencia prestada.
 
Único servizo autonómico acreditado a nivel nacional
 
Actualmente, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é o único servizo de urxencias e emerxencias sanitarias autonómico que obtivo o Selo 500+ en todo o Estado español.
 
As actividades levadas a cabo para a concesión do Selo 500+ e, polo tanto, para a consolidación deste Plan de Excelencia Organizativa incluíron un proceso de autoavaliación segundo o Modelo EFQM 2020, o deseño do Plan de Mellora, a elaboración da Memoria EFQM 500+ e a Visita de Validación.
 
A obtención desta puntuación ratificouse durante a visita dun equipo avaliador, do Clube Excelencia en Xestión, que tivo lugar os días 20, 21 e 22 de decembro de 2021, que verificou a implantación e execución das actuacións desenvolvidas na Memoria EFQM 500+.
 
Aposta pola mellora continua
 
Mediante este proceso de recoñecemento, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 identificou o seu nivel de excelencia na xestión da organización e amosou unha dinámica de xestión excelente, innovadora e sostible.
 
A implantación do modelo EFQM en Urxencias Sanitarias 061 ten suposto o desenvolvemento de novas liñas de xestión e coordinación co obxectivo de promover o liderado da organización no seu ámbito e situala para cumprir cos seus obxectivos do futuro.
 
Cara ao futuro, o obxectivo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é consolidar o nivel de excelencia acadado e, ao tempo, seguir a implantar novas medidas, procesos e valoracións dos indicadores de xestión que melloren a asistencia e a accesibilidade dos usuarios ao noso servizo, que constitúen o principal eixo do sistema sanitario público galego.