h1

Día Mundial Urxencias e Emerxencias

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou, na Praza do Obradoiro, no acto celebrado con motivo do Día Mundial da Medicina de Urxencias e Emerxencias nun acto ao que tamén asistiu a directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan. Neste evento, o máximo responsable sanitario galego remarcou que, dentro do obxectivo da Xunta de facer un territorio cada vez máis cardioprotegido, inclúese, tamén, o Camiño de Santiago. Consideramos unha prioridade, -dixo o conselleiro-, formar á poboación en técnicas de soporte vital básico e poñer á súa disposición ferramentas, como os desfibriladores semiautomáticos externos (DESA)/DESA), para poder afrontar intervencións deste tipo. 

Respecto diso, García Comesaña incidiu en que, desde 2019, toda a rede de albergues públicos da nosa Comunidade conta nas súas instalacións con desfibriladores semiautomáticos externos, e o seu persoal con formación no seu uso, así como en primeiros auxilios. Deste xeito, e no caso de que un peregrino teña un problema cardiorrespiratorio, nos albergues dispóñense de ferramentas e da formación necesarias para dar unha rápida resposta. 

Ademais do anteriormente sinalado, o responsable da sanidade pública galega destacou que o seu departamento, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, está a desenvolver, xunto coa Axencia Galega para a Innovación (GAIN), un prototipo de vehículo aéreo non tripulado para que aproxime un DESA, con fármacos de primeira intervención, a lugares de difícil acceso, poñendo así as máis avanzadas tecnoloxías ao servizo da sanidade pública galega. 

Especialidade de urxencias e emerxencias 

Neste acto, o conselleiro de Sanidade tamén destacou a valía dos profesionais de Medicina de Urxencias e Emerxencias, para a que a Xunta segue reclamando a creación da súa especialidade. 

Tal e como lembrou García Comesaña, foi en decembro pasado cando se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia solicitarlle ao Goberno central a creación da especialidade de urxencias e emerxencias. Ademais de ser un recoñecemento a todo este persoal sanitario, trátase, -dixo o conselleiro-, dunha demanda necesaria para mellorar a homoxeneización na asistencia e na formación destes servizos.

A día de hoxe, o Ministerio de Sanidade non deu ningún paso ao respecto da creación da especialidade, polo que García Comesaña insistiu en reclamar que se teña en conta a unanimidade que hai a favor desta medida, e que se produza un compromiso para abordala e para convertela nunha realidade. 

Para finalizar a súa intervención, García Comesaña tivo palabras de especial agradecemento para o Colexio de Médicos da provincia da Coruña, e a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, organizadores do acto, así como aos profesionais do sistema público de saúde , dunha maneira especial ao persoal do 061 e aos diferentes servizos públicos: policía local, bombeiros, protección civil, forzas e corpos de seguridade do Estado; así como á cidadanía, polo seu esforzo común.