h1

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, a través do 061, e a Autoridade Portuaria de Vigo, que ten por obxecto cardioprotexer o Porto de Vigo, así como a súa contorna, mediante a promoción e difusión do coñecemento de técnicas de Resucitación Cardio Pulmonar, con atención especial ao incremento do persoal formado e capacitado para o uso do desfibrilador externo semiautomático, así como a súa incorporación ao Programa "Acude e Axuda". No acto de firma tamén estiveron presentes a directora do 061 de Galicia, Adriana Regueira Pan, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente Prieto.

 

Tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, para conseguir o obxectivo do convenio, o 061 terá un papel fundamental, xa que será quen me for ao persoal voluntario en manobras de reanimación cardiopulmonar e no manexo de desfibriladores externos semiautomáticos. Tamén realizará un estudo das instalacións portuarias, co fin de dar coas localizacións máis estratéxicas para a colocación destes dispositivos.

 

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego subliñou que, cada ano, en Galicia prodúcense ao redor de 800 paradas cardíacas. Unha reanimación a tempo é pois, unha cuestión de vida. A maioría das paradas cardíacas teñen lugar fóra dos hospitais e dos centros sanitarios, en presenza de testemuñas sen preparación para dar unha asistencia rápida e idónea ao paciente. Por iso, Sanidade considera prioritario formar á poboación en técnicas de soporte vital básico e poñer á súa disposición ferramentas para poder afrontar intervencións deste tipo.

 

Esta alianza coa autoridade portuaria de Vigo é un paso máis na aposta da Consellería de Sanidade por seguir ampliando a rede de lugares cardioprotexidos da nosa Comunidade Autónoma, remarcou García Comesaña.

 

Este acordo de colaboración incrementará o número de persoas formadas en reanimación cardiopulmonar e os desfibriladores externos semiautomáticos a disposición da cidadanía. Precisamente, tal e como destacou o conselleiro, Galicia foi pioneira en España na súa regulación e implantación, coa primeira normativa do uso por persoal non médico fose do ámbito sanitario.

 

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ten en marcha, desde 2016, o Programa Acude e Axuda, que é unha iniciativa de asistencia precoz á parada cardiorrespiratoria en lugares públicos por persoal voluntario acreditado no manexo deste tipo de desfibriladores. Trátase dunha iniciativa na que hai inscritas preto de 500 persoas e ao redor de 2.100 desfibriladores externos semiautomáticos activos.