h1

O sistema de xestión de frotas desenvolvido integramente polo Servizo de Tecnoloxía e Sistemas da Información da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 presentouse os días 29 e 30 de outubro na Conferencia Esri España 2019. Trátase dun sistema para a xestión das emerxencias en tempo real, baseado principalmente na tecnoloxía de Esri.

O sistema de xestión de frotas do 061 de Galicia accede á cartografía local e analiza os datos a través da plataforma ArcGIS. Deste xeito, obtén información moi útil e polo miúdo para que o persoal encargado da xestión dos recursos asistenciais das urxencias e as emerxencias sanitarias optimice a mobilización destes.

A Conferencia Esri 2019 reuniu no Instituto Ferial de Madrid (Ifema) a máis de 2.000 profesionais, expertos de 700 empresas e organizacións de todos os sectores para dar a coñecer os máis espectaculares e innovadores proxectos internacionais sobre transformación dixital a través da tecnoloxía xeográfica.

No caso da Comunidade Autónoma galega, exponse, ademais do sistema de xestión de frotas de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o proxecto de dixitalización na construción da autovía A-76 Ponferrada-Ourense da enxeñería e consultoría Ineco e o xeoportal da Deputación Provincial de Pontevedra que ofrece, á cidadanía, empresas e demais administracións, recursos e servizos baseados na información xeográfica.