h1

A Rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061 é unha rede integral e permanente de atención á urxencia, coordinada e mobilizada  a través da central de coordinación do 061 de Galicia. Dá resposta ás necesidades de asistencia e transporte sanitario urxente extrahospitalario, as 24 horas do día, os 365 días na Comunidade galega.


Na actualidade está formada por:

  • 2 helicópteros de soporte vital avanzado: situados en Santiago de Compostela e Ourense. Dotados do material e o persoal sanitario capacitado para prestar asistencia médica in situ a pacientes de extrema gravidade.
  • 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas (SVA): localizadas en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Foz, Ourense, Pontevedra, Vigo, Mos, Monforte de Lemos, 2 na cidade da Coruña e na bisbarra do Salnés. Dispoñen do equipamento necesario para prestar asistencia médica in situ aos pacientes graves e asistilos durante o seu traslado.
  • ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado de enfermaría: situadas na Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo. Dispoñen de persoal de Enfermaría e o material necesario para prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes graves e asistilos no traslado. 
  • 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico (SVB): dotadas de dous técnicos en emerxencias sanitarias, capacitados para realizar manobras de soporte vital básico. Todos os vehículos dispoñen de desfibriladores semiautomáticos. Distribúense en: 32 bases na provincia da Coruña (con 38 vehículos), 16 bases na provincia de Lugo (con 20 vehículos),15 bases na provincia de Ourense (con 17 vehículos) e 24 bases na provincia de Pontevedra (con 32 vehículos).
  • 2 ambulancias convencionais: situadas en Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel. Están dotadas dun técnico en emerxencias sanitarias (TES), capacitado para realizar manobras de soporte vital básico e dispón de desfibrilador semiautomático.

​Evolución da Rede de transporte sanitario urxente:

 
1997: o 1 de xullo a Rede incorporou 8 ambulancias asistenciais de SVA con base nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Sanxenxo (esta última só durante a época estival).
 
1998: presentación da primeira rede permanente de ambulancias de urxencias sanitarias composta por 75 ambulancias asistenciais de SVB.
 
2000: incorporación de 14 ambulancias asistenciais de SVB para reforzar a cobertura das principais cidades galegas.
 
2001-2004: posta en marcha de 9 ambulancias asistenciais de SVB que incorporan desfibriladores semiautomáticos.
 
2005: incorporación de 2 ambulancias asistenciais de SVA na Coruña e Mos que, ademais, prestan apoio ao Programa Galego de Atención ao Infarto Agudo de Miocardio (Progaliam).
 
2007: reorganización da contratación do transporte sanitario urxente terrestre coa creación das 14 áreas e incorporación de 3 ambulancias asistenciais de SVB.

 

2008-2009: reorganización das ambulancias asistenciais de SVB coa finalidade de adecuarse á demanda e achegar as súas bases aos puntos de atención continuada. 

 

2010: a ambulancia asistencial de SVA con base en Foz comeza a prestar o servizo de transporte sanitario urxente, primario e secundario, na Mariña lucense.

 

2016: incorporación de 5 ambulancias asistenciais de SVB en: A Coruña, Tomiño, Rianxo, Ourense e Vilagarcía de Arousa. 


2019: ampliación da Rede de transporte sanitario urxente ata as 12 ambulancias asistenciais de SVA medicalizadas, 4 ambulancias asistenciais de SVA de enfermaría, 107 ambulancias asistenciais de SVB e 2 ambulancias convencionais.