h1

Os dispositivos sanitarios de risco previsible son estruturas que se poñen en marcha ante situacións de risco controlado, que poden por en perigo a saúde das persoas con motivo da realización de eventos públicos con concentracións multitudinarias como: concertos, acontecementos deportivos, actividades de esparexemento, visitas de personalidades, etc. A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é a entidade responsable da súa xestión na Comunidade galega.

Para a cobertura destes eventos realízase un estudo pormenorizado, analízanse as súas características, os posibles riscos, os recursos necesarios e o seu custo económico. Os prezos dos dispositivos están reflectidos no Decreto 56/2014 publicado no DOG nº 96 de 21 de maio de 2014, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde (revisados anualmente).

Para solicitar un dispositivo, deberá facerse, preferentemente, cun mínimo de sete días de antelación á data do evento, mediante un correo electrónico a: secretaria.061@sergas.es. Pode solicitar máis información no teléfono 881 546 716, de luns a venres en horario de 09.00 h. a 14.00 horas.

En dita solicitude deberán referirse os seguintes datos:

  • Tipo de evento (oposicións, concertos...).
  • Lugar onde se celebra.
  • Datas e horario
  • Número aproximado de persoas asistentes ao evento.
  • Características xerais dos asistentes (persoas mozas, persoas maiores...).
  • Persoa responsable no punto con teléfono de contacto.
  • Se se conta con outros recursos de emerxencias sanitarias e non sanitarias.

Segundo todo o anterior, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 fai o estudo mencionado e suxire os recursos que considera necesarios para neutralizar os posibles riscos de cada evento. Se os recursos asignados fosen recursos específicos (ambulancias asistenciais de soporte vital básico ou avanzado), mobilizados exclusivamente para o evento solicitado, elaborarase o correspondente presuposto.