Chamamos dor torácica á molestia ou dor sentida en calquera punto do peito, entre o colo e a parte alta do abdome.
Hai moitas causas e orixes posibles que poden producir a dor torácica. Algunhas non son perigosas para a saúde, pero outras poden ser serias e, incluso, ter complicacións importantes. Sen lugar a dúbidas, os problemas de corazón son as causas que máis angustian a quen os padece.
Os síntomas máis típicos da dor de orixe cardíaca son:
- Aparición brusca.
- Localizándose na zona central ou esquerda do tórax.
- Sensación de opresión ou “de peso”.
- Pode estenderse cara ás costas, o brazo esquerdo, o colo e a mandíbula.
- Case nunca varía as súas características cos cambios de postura nin coa palpación.
- Pode acompañarse, ademais, de suor frío, palidez, náuseas, vómitos mareos e/ou dificultade para respirar.
Que facer:
- Manteña a calma.
- Chame rapidamente ao 061.
- Repouse sentado ou recostado.
- Afrouxe a roupa (gravatas, colos de camisa, cintos, sosténs…).
- Segue as indicacións que reciba desde o 061.
Que evitar:
- Desprezar a importancia deste tipo de molestias.
- Dirixirse directamente ao hospital sen alertar ao 061.
- Realizar esforzos físicos antes de consultar.