h1

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 participou, o pasado 9 de maio, na celebración da V Semana europea da seguridade viaria organizada pola Organización de Naciones Unidas (ONU) que tivo lugar no Centro de Educación Primaria (CEIP) A Florida de Sanxenxo. O principal obxectivo da xornada foi concienciar a nenos e maiores da importancia de respectar as normas de seguridade viaria, especialmente nos traxectos escolares.
 
Nesta xornada formativa, o servizo de atención ás urxencias e emerxencias extrahospitalarias de Galicia estivo representado polo persoal técnico en emerxencias sanitarias (TES), da ambulancia asistencial de soporte vital básico con base en Portonovo, que impartiu un obradoiro sobre rescates e primeiros auxilios.
 
Na xornada participou, tamén, persoal doutros colectivos implicados na seguridade viaria como membros da Policía Local, do clube ciclista Corbelo, dunha empresa de drons que desenvolve un proxecto sobre seguridade viaria e da escudaría Congostro Team que participaron en diferentes actividades formativas, lúdicas e educativas ao longo da mañá.
 
A V Semana europea da seguridade viaria está coordinada en España polo Real Automóvil Club (RACE) e desenvólvese cada ano en catro localidades españolas no mesmo día. Este ano, ademais de Sanxenxo, celebrouse en Pozuelo de Alarcón (Madrid), Roquetas de Mar (Almería) e Málaga.
 
Segundo o RACE, actualmente os datos sobre sinistralidade infantil están considerados de extrema gravidade, posto que os accidentes nas estradas provocan que, cada ano, 260.000 nenos falezan e un millón de nenos resulten feridos graves. En conclusión, cada tres minutos morre un neno a consecuencia dun accidente viario. Por iso, a educación nos máis pequenos constitúe unha prioridade para todos os colectivos implicados no desenvolvemento destas xornadas.
 
Web061.jpg