O Progaliam (Programa Galego de Atención ao Infarto Agudo de Miocardio) pretende mellorar a atención ao infarto agudo de miocardio (IAM) mediante a integración e mellora na coordinación entre a atención extrahospitalaria e hospitalaria.
O seu obxectivo consiste en mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente con IAM, así como promover a equidade en toda a Comunidade Autónoma. Para elo, trata de acurtar o tempo no que os pacientes con IAM reciben o tratamento óptimo de reperfusión.
Outros obxectivos do programa son:
Revisar e/ou consensuar os protocolos clínicos sobre IAM nos distintos servizos, hospitais e niveis asistenciais.
Elaborar protocolos organizativos necesarios para a integración funcional.
Crear unha rede específica para a atención do paciente con síndrome coronaria con elevación de ST (Scacest).
- Creación dunha base de datos para facilitar o coñecemento, avaliación e mellora continua do proceso.
Desde Urxencias Sanitarias de Galicia-061 establécense os seguintes obxectivos:
Diagnóstico rápido do Scacest.
Decidir a estratexia de reperfusión máis adecuada en función do tempo e lugar.
Acurtar os tempos de traslado á sala de hemodinámica.
Facilitar o retorno ao hospital de referencia.
Polo tanto, os pacientes diagnosticados de Scacest nas ambulancias de SVA medicalizadas e de SVA de enfermería de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ou nos hospitais que carecen de servizo de hemodinámica son trasladados inmediatamente e dun modo seguro aos centros de referencia correspondentes: Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Ademais, o programa garante o retorno do paciente ao seu hospital de referencia, unha vez realizado o procedimiento de anxioplastia primaria, se pertence a unha área sanitaria distinta da da sala de hemodinámica.